Arquivo | Maio, 2011

Petróglifos da Alfacuca

26 Mai


O pasado día 10 de maio atopamos casualmente dúas pedras con gravados durante unha visita á aldea de Alfacuca, na parroquia de
Louredo concello de Mos. Os deseños, moi gastados, conteñen varias coviñas e circulos dispostos na zona superior duns penedos que están soterrados e impiden ver as dimensións reais dos petroglifos.

Na aldea de Alfacuca, en proceso de rehabilitación, estanse realizando movementos de terra e outras obras que poden supoñer a  desaparición ou rotura de estes elementos e, por outra banda, o estudo da zona por parte dun especialista, pode supoñer a aparición
de máis gravados.

Depois de dar parte do achado á Delegación de Cultura e Patrimonio de Pontevedra e ao Concello de Mos esperamos que as obras
que se están realizando alí se paralicen ata que os gravados sexan catalogados e se tomen as medidas oportunas para a súa conservación.

Como asociación cultural preocúpanos o estado de conservación do patrimonio histórico de Mos e ofrecémos todo o noso apoio para
contribuir a conservación do mesmo.

Consideramos que o achado de estes petróglifos supoñen un atractivo máis para a recuperación da aldea de Alfacuca e demostran
que esta zona estivo habitada dende tempos prehistóricos. Tamén queda patente que a parroquia de Louredo é a que presenta unha maior concentración de gravados rupestres de todo o concello de Mos xa que os petroglifos de Alfacuca están moi próximos aos xa catalogados petroglifos de “San Antoiño”, “Salgueirón”, e á “Pedra das cruces”.

Este achado coincide co inicio das primeiras actividades da X edición da Festa da Prehistoria.

    

COMEZAN AS ACTIVIDADES DA X EDICIÓN DA “FESTA DA PREHISTORIA”.

24 Mai

Ata este ano, as actividades didácticas e divulgativas relacionadas coa Prehistoria celebrábanse nos días previos á festa pero este ano os organizadores decidiron adiantalas e celebraranse os días 28 e 29 de maio. A Asociación Cultural Festa da Prehistoria plantexa para o décimo aniversario dúas “XORNADAS CONTRA A DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO”, despois de integrarse na “Plataforma pola defensa do Galiñeiro”, formada por 30 colectivos que tratan de impedir a instalación dun parque eólico nesta serra que tamén abrangue o extremosur do concello de Mos.

Xornadas contra a destrucción do patrimonio arqueolóxico
Cartaz das Xornadas contra a destrucción do patrimonio arqueolóxico

Na PRIMEIRA XORNADA (sábado 28 de maio, ás 18:00 h, no auditorio do pazo de Mos) terá lugar unha conferencia na que se abordará este problema en dúas partes:

- A PRIMEIRA PARTE centrarase nas agresións ao patrimonio arqueolóxico e as dificultades para a súa conservación, estudo e divulgación no ámbito galego.

O primeiro poñente será Antonio de la Peña Santos, arqueólogo – conservador do Museo de Pontevedra, que dirixiu as escavacións do Castro de Torroso (Mos), hoxe en día un exemplo de abandono e mala conservación, a pesar de ser un referente da cultura castrexa pola súa antigüidade. De la Peña abordará o problema dende un punto de vista xeral, centrándose nas dificultades que os profesionais atopan á hora de desenvolver o seu traballo.

Fernando Javier Costas Goberna, do Instituto de Estudios Vigueses, falará das principais causas que provocan a desaparición dos gravados rupestres, poñendo exemplos das agresións que sofren as manifestacións artísticas máis emblemáticas da Prehistoria galega.

Fernando Carrera Ramírez, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, repasará os atrancos legais que impiden a prospección, catalogación e conservación do patrimonio prehistórico.

Manuel Gago, xornalista, profesor da USC pechará esta primeira parte. O creador do blog Capítulo cero dará a coñecer “patrimoniogalego.net”. Este proxecto pretende poñer ó alcance do público unha información que a administración non facilita e funcionaría como unha wikipedia do Patrimonio Cultural Galego .

- Despois dun DESCANSO de 10 min. proxectarase unha escolma de fotografías nocturnas xunto con interpretacións artísticas dos petróglifos galegos e do norte de Portugal, a cargo de Ángel De Prado e de Manuel Ledo (membro da A.C. Festa da Prehistoria).

- Ás 19:30 h comezará a SEGUNDA PARTE da conferencia, que abordará o caso concreto do Galiñeiro.

Xosé Lois Vilar, arqueólogo do IEM e voceiro da Plataforma pola defensa do Galiñeiro repasará os valores arqueolóxicos ameazados polo proxecto de instalación do parque eólico e outras actuacións que se pretenden realizar nesta serra.

Por outra banda Calros Solla, da Asociación Cultural Verbo Xido, falará dun precedente, a instalación do parque eólico causante da degradación de numerosos enclaves arqueolóxicos no monte do Seixo, na Terra de Montes.

A última intervención será a do arquitecto Carlos Sánchez Montana, que advertirá da relación toponímica entre as serras do Galiñeiro, Galleiro e Argallo, defendendo unha teoría etimolóxica que relaciona o culto ás pedras e as montañas co nome da antiga Gallaecia.

- Para finalizar o acto celebrarase unha MESA REDONDA na que os poñentes responderán ás preguntas do público asistente.

A SEGUNDA XORNADA (domingo, 29) consiste nunha visita guiada ao alto do Galleiro, de 749 m de altitude, que ofrece unhas vistas a todo o sur da provincia de Pontevedra, as rías de Vigo e Redondela. Durante o percorrido visitaranse lugares de gran valor arqueolóxico aínda sen catalogar, coma o Coto da Cercas (concello de Pazos de Borbén), e outros enclaves que serán analizados e explicados por expertos en
arqueoloxía e Prehistoria.
Dende o alto do Galleiro podemos decatarnos da proliferación dos parques eólicos que contaminan visualmente a paisaxe que dende alí podemos abranguer e soamente os montes situados ao oeste (Galiñeiro, a Grova e Argallo) están libres da presenza dos muíños.

O punto encontro será o pazo de Mos, ás 9:00 h e para participar na excursión é imprescindible inscribirse previamente en festadaprehistoria@gmail.com ou no telf 673 548 485.

Xornadas contra a destrucción da Serra do Galiñeiro

12 Mai

28 de maio. 18:00h Auditorio do Pazo de Mos. Mesa redonda.
Análise da situación e propostas: Antonio de la Peña Santos, F Carrera Ramírez, F Javier Costas, Manuel Gago…

Reportáxe Grafico: Ángel de Prado e Manuel Ledo

A Serra do Galiñeiro: Calros Sola, Xosé Luis Vilar, Carlos Sánchez Montana

29 de Maio. Excursión ó alto do Galleiro.

Xornadas contra a destrucción do patrimonio arqueolóxico

Cartaz das Xornadas contra a destrucción do patrimonio arqueolóxico

Aqui tendes o mapa para chegar ao Pazo de mos

View Larger Map

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.